
Reforestación heroica a que afrontaron @s aguerrid@s voluntari@s que se achegaron ao monte de Coruxo o pasado domingo 29 de xaneiro. Nunha mañán de temperaturas xélidas remontaron as fortes pendentes da Regueira do Maúxo, nas que plantaron bidueiros, carballos, érbedos e sobreiras, rematando así os traballos que iniciamos nesta zona no mes de decembro do ano anterior.
Agradecer desde aquí a axuda que nos prestaron Rocío e Jack, parella que donou a esta Comunidade carballos e sobreiras que a partir de agora medrarán no monte veciñal de Coruxo. Nesta ocasión, tivemos ademais a sorte de contar cos compoñentes dun retén completo de prevención e extinción de incendios que reforestaron durante toda a mañán na ladeira de umbría da regueira, desafiando o frío.
Moitas grazas a todas e todos!!
Como curiosidade, a aparición dun morcego a plena luz do día sobrevoando o grupo de voluntari@s que posaban para a foto ao final da xornada, baixando repetidamente a beber á poza de incendios que tiñamos ao noso carón. Tamén nos rondou unha femia de lagarteiro (Falco tinnunculus), que está a pasar os últimos invernos no noso monte.