Fauna e flora

Dende a Comunidade de Montes de Coruxo levamos moitos anos intentando mostrar á sociedade en xeral, e en especial ás nosas nenas e nenos, a nosa enorme riqueza natural local. Máis que abondosa (aínda que con moitas especies en claro declive), fermosa, chea de curiosidades, necesaria.

Poupas, cardeais, ferreiriños, bocanoites ou azores, nada teñen que envexar ás aves doutras zonas do mundo; igualmente as xenetas, martarañas ou raposos, no caso dos mamíferos; endemismos únicos no mundo como a píntega rabilonga, no caso dos anfibios, ou a lagartixa de Bocage ou galega no caso dos reptís; bolboretas ou avelaíñas migratorias que chegan a nós dende África, formigas león, lucecús no caso dos insectos…

Todo un universo de fauna propia, nosa, que temos ao noso redor e que en moitísimos casos non coñecemos.

A procura deste camiño de descubrimento da nosa riqueza natural é a aposta da Comunidade de montes de Coruxo. Un coñecemento que nos axude a todas e a todos a desfrutar dos seres vivos que nos rodean, e a través do mesmo sermos quen de protexer estes preciosos compañeiros de viaxe, así como os ecosistemas nos que se atopan, que lles son (como a nós mesmos) tan necesarios. unha sociedade local consciente da sua riqueza natural é quen de defendela. Con este empeño traballamos dende a Comunidade de Montes de Coruxo, e con esta idea de dar a coñecer, para desfrutar e así protexer, nace a sección de fauna desta páxina.