Historia da nosa comunidade

No ano 1992 a Comunidade de Montes de Coruxo iniciaba a súa andadura, recuperando 243 hectáreas do monte veciñal, tras loitar contra un proxecto de campo de golf que ameazaba a súa integridade, emprendendo un proceso de transformación do monte veciñal que continúa a día de hoxe.

A Xunta Reitora da recén estreada Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coruxo, apoiada polo conxunto de comuneiros e comuneiras da parroquia, marcou aquel ano as que serían as liñas mestras da xestión do monte comunal:

Recuperación do bosque autóctono, substituíndo eucaliptos e acacias por frondosas caducifolias nas proximidades dos cursos de auga.

Control e erradicación da acacia negra.

Deseño e execución dun “cortalumes verde” composto por árbores autóctonas, nas marxes da pista forestal que conduce a Oia e Saiáns.

Mantemento dun cadro de persoal fixo de traballador@s.

Os comuneiros e comuneiras herdábamos un monte que as distintas administracións xestionaran até entón cun enfoque produtivista, orientado ao cultivo de especies de crecemento rápido, nomeadamente eucalipto branco (Eucalyptus globulus), piñeiro bravo (Pinus pinaster) e acacia negra (Acacia melanoxylon).

Unha vez recuperada a propiedade veciñal, as directivas que se foron sucedendo substituíron gradualmente a masa arbórea orixinal por unha formación máis diversa, cunha presenza cada vez máis importante de frondosas autóctonas.

A filosofía que inspirou a nova política forestal, deseñada -agora si- desde a propia comunidade local, foi a procura dun equilibrio entre as funcións económica, social e ecolóxica do monte, reinvestindo a práctica totalidade dos ingresos na transformación do mesmo. Nestes primeiros anos, os monocultivos encontrábanse en plena produción, mais esta ocasionaba un elevado impacto ambiental e un entorno ecolóxico moi pobre.

Os comuneiros e comuneiras de Coruxo decidimos mudar as vellas inercias na procura dun monte ecoloxicamente sustentábel, e conseguimos manter este modelo ata o de agora, a pesar do terríbel impacto que supuxo o incendio do día 15 de outubro de 2017.