Monte multifuncional
Existen moitas experiencias sobre como diversificar os aproveitamentos dos nosos montes, máis alá da práctica dos monocultivos forestais e as conseguintes cortas a feito, que provocan un grande impacto a nivel paisaxístico, ecolóxico e social.
Apostamos por sacarlle todo o potencial ó noso monte, traballando con el e non na súa contra, respectando os seus ciclos biolóxicos e favorecendo que se siga creando unha biodiversidade nas mellores condicións posibles, ao tempo que obtemos recursos para cubrir algunhas das nosas necesidades básicas.
Madeira
O monte de Coruxo conta coas certificacións de aproveitamento sostible FSC e PEFC. Dispoñemos dunha superficie ampla de frondosas novas, plantadas ou procedentes de rexeneración natural, dividida en rodais que presentan distintas vocacións ou prioridades a nivel de ordenación. Unha destas funcións principais é a produción de madeira. Aínda estamos lonxe sen embargo de poder empezar a realizar aproveitamentos nestas últimas superficies, debido á xuventude das masas. Existen áreas no noso monte que foron repoboadas con este tipo de especies nos primeiros tempos da comunidade, mais estas primeiras repoboacións están ubicadas en áreas destinadas a conservación e a cortalumes verdes, de modo que non serán obxecto de aproveitamento madeireiro.
Polo tanto, a madeira en idade de ser aproveitada da que dispoñemos neste momento correspóndese con masas de piñeiro do país (Pinus pinaster) e eucalipto branco (Eucalyptus globulus).
Leña
Vendemos leña rachada e seca, en condicións óptimas para ser usada todo o ano. A leña que máis producimos é de eucalipto, aínda que tamén comercializamos unha mestura de leña de frondosas que pode incluír castiñeiro, bidueiro, cerdeira, carballo americano e outras especies, e tamén puntualmente temos algo de carballo do país.
Servimos a leña a domicilio na área de Vigo, ou ben podes recollela nas nosas instalacións de luns a venres en horario de 8.00 a 14.00 horas.
Prezos: Eucalipto 70 €/m3 Mestura frondosas 60 €/m3
Apicultura
A actividade apícola non só se centra na produción de mel, senón que é vital para a supervivencia das abellas, que se atopan seriamente ameazadas tanto polos contaminantes e agroquímicos, como por pragas como a varroa ou a cada vez máis estendida invasión da Vespa velutina, motivos polos que cada vez son máis escasos os enxames de abellas salvaxes.
Debemos lembrar que as abellas, ademais de proporcionarnos produtos como o mel, o pole ou o propóleo, tamén prestan un importantísimo servizo ecosistémico en canto á polinización se refire.
Cogomelos Shiitake
Este cogomelo, orixinario das terras de oriente, é de gran calidade e moi saudábel, posuíndo tamén propiedades medicinais. Ten tanta proteína como a carne, ten un alto contido en fibra, vitaminas e minerais, sendo un dos máis grandes inmunoreguladores e adaptóxenos naturais que existen, entre outras tantas propiedades.
Con el podes facer pratos exquisitos como guisos, pizzas, arroces, salteados… e o máis importante, contribúes ó mesmo tempo a que poidamos facer unha transición ó noso bosque autóctono. Usamos madeira de eucalipto para producir este cogomelo, e financiamos así os coidados das nosas masas de frondosas mentres van crecendo para poder ser tamén aproveitadas no futuro.