Monte veciñal de Coruxo, unha ollada ao pasado

Durante a sociedade do Antigo Réxime o monte de Coruxo, conxuntamente con outros bens e servizos de carácter colectivo e con asuntos que afectaban ao conxunto da parroquia, era xestionado mediante a fórmula do “concello aberto”, asemblea veciñal que se celebraba no adro da igrexa de Coruxo, moi posiblemente á sombra dunha árbore centenaria, o Carballo do Adro, por desgraza xa desaparecida. A propiedade en man común dos veciños e veciñas de Coruxo sobre o monte comunal non gozaba entón de recoñecemento xurídico, se ben era unha realidade de facto que o concello de Bouzas (ao que estivo adscrita a nosa parroquia até 1904) admitía nun documento do ano 1851, calificando como de “posesión inmemorial” a relación que mantiñan os veciños e veciñas das parroquias do término municipal cos seus montes comunais.

Non existía ningunha dúbida ao respecto da importancia vital que para a supervivencia das familias tiña (e continuou tendo até a usurpación dos montes veciñais durante o réxime franquista) o aproveitamento directo dos recursos que provía o monte veciñal, destacando especialmente a recolección de batume (que transformado posteriormente en esterco mantiña a fertilidade das terras agrícolas), o pastoreo en réxime extensivo (particularmente de gando ovino), a captación de augas para os cultivos de regadío, leñas e outros combustíbeis, etc. Non existía ningunha dúbida ao respecto da importancia vital que para a supervivencia das familias tiña (e continuou tendo até a usurpación dos montes veciñais durante o réxime franquista) o aproveitamento directo dos recursos que provía o monte veciñal, destacando especialmente a recolección de batume (que transformado posteriormente en esterco mantiña a fertilidade das terras agrícolas), o pastoreo en réxime extensivo (particularmente de gando ovino), a captación de augas para os cultivos de regadío, leñas e outros combustíbeis, etc.

A parcelación de superficies de monte veciñal durante os últimos séculos, sen embargo, suporía a privatización dunha parte do mesmo, afectando este fenómeno principalmente as partes baixas, que pasarían a dividirse en pequenas parcelas de propiedade particular, denominadas “tomadas”. O momento máis crítico neste sentido viviuse durante o cambio de século, cando no ano 1903 o concello de Bouzas (a piques de desaparecer como entidade administrativa, asimilado por Vigo) tentou dividir entre os veciños da parroquia o monte veciñal, o que provocou un conflito social entre as clases pudentes (partidarias da privatización do monte e mesmo da súa posta en venda mediante poxa) e as clases populares, que se mobilizaron pola preservación do carácter comunal do monte. Afortunadamente, a oposición a este proceso por parte dun sector maioritario da parroquia de Coruxo impediu a desaparición do monte veciñal de Coruxo como tal.

Os usos e aproveitamentos do monte veciñal foron mudando, e a xestión do mesmo foise orientando a un aproveitamento común máis que individual, cuxos beneficios na actualidade son reinvestidos na mellora ambiental, na rexeneración do propio monte e noutras accións que revirten no beneficio común.

Cómo esta regulado a seu funcionamento?

Lei de Montes Veciñais de Galicia

Código Civil

Lei de Incendios

Estatutos da propia comunidade

 

Historia da nosa comunidade

No ano 1992 a Comunidade de Montes de Coruxo iniciaba a súa andadura, recuperando 243 hectáreas do monte veciñal, tras loitar contra un proxecto de campo de golf que ameazaba a súa integridade, emprendendo un proceso de transformación do monte veciñal que continúa a día de hoxe.

A Xunta Reitora da recén estreada Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coruxo, apoiada polo conxunto de comuneiros e comuneiras da parroquia, marcou aquel ano as que serían as liñas mestras da xestión do monte comunal:

Recuperación do bosque autóctono, substituíndo eucaliptos e acacias por frondosas caducifolias nas proximidades dos cursos de auga.

Control e erradicación da acacia negra.

Deseño e execución dun “cortalumes verde” composto por árbores autóctonas, nas marxes da pista forestal que conduce a Oia e Saiáns.

Mantemento dun cadro de persoal fixo de traballador@s.

Os comuneiros e comuneiras herdábamos un monte que as distintas administracións xestionaran até entón cun enfoque produtivista, orientado ao cultivo de especies de crecemento rápido, nomeadamente eucalipto branco (Eucalyptus globulus), piñeiro bravo (Pinus pinaster) e acacia negra (Acacia melanoxylon).

Unha vez recuperada a propiedade veciñal, as directivas que se foron sucedendo substituíron gradualmente a masa arbórea orixinal por unha formación máis diversa, cunha presenza cada vez máis importante de frondosas autóctonas.

A filosofía que inspirou a nova política forestal, deseñada -agora si- desde a propia comunidade local, foi a procura dun equilibrio entre as funcións económica, social e ecolóxica do monte, reinvestindo a práctica totalidade dos ingresos na transformación do mesmo. Nestes primeiros anos, os monocultivos encontrábanse en plena produción, mais esta ocasionaba un elevado impacto ambiental e un entorno ecolóxico moi pobre.

Os comuneiros e comuneiras de Coruxo decidimos mudar as vellas inercias na procura dun monte ecoloxicamente sustentábel, e conseguimos manter este modelo ata o de agora, a pesar do terríbel impacto que supuxo o incendio do día 15 de outubro de 2017.