O lume no monte de Coruxo

Por desgraza, o lume é un dos principais axentes que modelan os nosos montes. Pasada a devastación inicial producida por un incendio forestal, todo se transforma as especies pirófitas e oportunistas foráneas, ademais de estaren con frecuencia detrás da propagación do lume, aprovéitanse deste para espallarse polo territorio desprazando en moitos casos a flora autóctona. O cambio climático, ademais, fai que cada vez a virulencia dos lumes forestais sexa maior, ampliándose tamén o período de alto risco de incendio.

Para entender a evolución do monte veciñal de Coruxo, temos que retrotraernos ao grande incendio forestal que arrasou a maior parte da súa superficie a mediados da década dos 70. Entón o monte era xestionado por un organismo estatal, o Instituto para la Conservación de la Naturaleza (ICONA), continuador da política forestal deseñada polo franquismo, executada no noso caso polo consorcio que integraban a Deputación Provincial de Pontevedra, Patrimonio Forestal del Estado e o Concello de Vigo.

Durante o período da apropiación dos montes comunais por parte do Estado -entre finais dos anos 40 e comezos dos 50 do pasado século- realizouse a repoboación masiva dos mesmos con piñeiros (Pinus spp.) e eucaliptos (Eucalyptus globulus). O concello de Vigo introduciría pola súa parte unha terceira especie, a acacia negra (Acacia melanoxylon), que andando o tempo acabaríase convertendo nun dos maiores problemas para as comunidades de montes de Vigo. Como resultado desta forestación masiva, o monte transformouse nun monocultivo destas especies, ao tempo que os aproveitamentos tradicionais (principalmente, a gandaría extensiva) eran perseguidos. O lume acontecido nos anos 70 destruíu esas repoboacións, ao tempo que revelaba o comportamento pirófilo e invasor de eucaliptos e acacias.

A comezos da década dos 90 -coa xestión forestal transferida á Xunta de Galicia desde os anos 80-, o monte de Coruxo estaba poboado basicamente por eucaliptos, piñeiros e acacias. A presenza de árbores autóctonas era testemuñal, estando confinadas en propiedades forestais de carácter particular ou tomadas.

Dende a creación da comunidade de montes no ano 1992, e debido ás actuacións encamiñadas á recuperación do bosque autóctono que inspiraron esta comunidade dende o principio, o monte foi gañando ano tras ano en calidade paisaxística e biodiversidade.

0%
da superficie comunal resultou calcinada

Todo cambiou sen embargo o día 15 de outubro de 2017, cando o 73% da superficie comunal resultou calcinada por un devastador incendio forestal. A resposta das distintas especies arbóreas ao incendio foi desigual. Salváronse pequenas superficies cubertas por frondosas caducifolias, correspondentes a núcleos de repoboacións e rexenerados naturais de árbores autóctonas situados preferentemente en zonas de ribeira. Estes redutos deixáronnos imaxes realmente sorprendentes de pequenas illas verdes rodeadas de monte queimado. As masas de frondosas autóctonas xogaron

ademais un importante papel no control dalgúns flancos do incendio, a pesar da súa xuventude con pouco máis de 20 anos de vida. A pesar da magnitude do desastre, non houbo tempo para lamentacións. Cumpría actuar coa maior rapidez, pois os meses posteriores ao incendio resultan críticos para a futura rexeneración do monte. Nas semanas que sucederon ao incendio a prioridade foi a estabilización do solo, con especial atención aos terreos que presentaban un maior risco de erosión. Os traballos centráronse pois nas áreas que naqueles momentos se atopaban deforestadas.

A partir de aí, tocou afrontar a reordenación da superficie forestal, co obxectivo principal de incrementar a capacidade de resistencia e resiliencia do monte fronte á maior ameaza que se cerne sobre o seu futuro; os grandes incendios forestais agravados por efecto da mudanza climática global.