Ordenación

1992

95 hectáreas de eucalipto puro, máis outras 11 ha. mesturado con acacia negra; o piñeiro ocupaba 90 ha.; a acacia negra 8 ha. en masa pura, aínda que tamén aparece estendida pola maior parte do monte combinada con outras especies. As frondosas caducifolias tan só cubrían 6 ha. e existían aínda 12 ha. de monte raso, testemuño da vexetación que tapizaba o monte até os anos 50 do pasado século.

1999

Redáctase o primeiro plan de ordenación do monte veciñal de Coruxo e en 2012 preséntase a primeira revisión deste plan. Ao abeiro destes instrumentos de ordenación plantáronse miles de castiñeiros, cerdeiras, bidueiros ou pradairos, así como érbedos, acibos, capudres ou sobreiras. Plantas herbáceas como xenzás, serapias ou xacintos bravos apareceron como por arte de maxia nos claros liberados da sombra perpetua de eucaliptos e acacias. Numerosas especies de bolboretas, ferreiriños, gaios, petos e outros moitos animais retornaron ao monte grazas á mellora do hábitat forestal.

2017

Antes do incendio, o piñeiral continuaba estabilizado nas 90 ha., o eucaliptal descendía até as 75 ha., a acacia pura desaparecía do monte veciñal e a superficie ocupada por frondosas autóctonas acadaba as 55 ha., integradas por 43 especies de árbores e arbustos distintas.

Actualmente atopámonos en pleno proceso de rexeneración despois do lume de 2017. O actual plan de ordenación aprobado en 2021 segue a liña dos dous anteriores en canto á restauración do bosque autóctono e á redución da superficie ocupada polo eucalipto, proceso que se acelerou debido á oportunidade que nos presentou a tabula rasa que orixinou o incendio.

A previsión para o ano 2030, cando remate a vixencia do actual plan de ordenación, será contar cunha superficie de frondosas de 120 ha., máis que duplicando a superficie ocupada por estas especies antes do incendio, mentres que o eucalipto se verá reducido a 32 ha. e o piñeiro a 66 ha.

Esta transformación requirirá dun grande esforzo, nun momento en que a situación económica da comunidade se tornou moi delicada como consecuencia da forte descapitalización que produciu o incendio, debida á perda da maior parte da masa arborada. As necesidades de traballos silvícolas aumentaron sen embargo en relación ao período anterior, por causa das atencións e coidados que precisan neste momento as novas plantacións e os rexenerados naturais, así como pola nova invasión de acacia negra que sucedeu ao incendio, pois este activou a xerminación do nutrido banco de sementes que aínda existía no solo.