Patrimonio

No monte veciñal de Coruxo e no seu entorno existe un rico patrimonio arqueolóxico, que inclúe máis de 30 xacementos, entre os que se contan petróglifos, muíños naviculares, o castro de Castro Chouzo, a mámoa da Chan da Lagoa ou enclaves onde se atoparon restos de distintas cronoloxías. Destaca en particular o elevado número de gravados rupestres existentes, datados na Idade do Bronce, que sumados aos presentes nas parroquias de Oia, Saiáns, Prigue, Camos e Chandebrito, fan do contorno do monte do Maúxo unha das áreas máis destacadas dentro da xeografía galega da arte rupestre.

Petróglifo da Pedra Moura

De entre todos estes grabados destaca sen lugar a dúbidas o petróglifo da Pedra Moura, que nos introduce ademais noutro aspecto distinto e apaixonante do noso patrimonio cultural, como é o patrimonio inmaterial, coas súas lendas e relatos mitolóxicos, que confiren un carácter especial a determinados enclaves do monte veciñal.

A maioría dos xacementos están debidamente catalogados pola Xunta de Galicia ou polo Concello de Vigo. Se ben existen algúns que aínda non foron rexistrados oficialmente, non por iso deixan de ser protexidos pola propia comunidade.