Actividades

Voluntariado
Temos activo un programa de voluntariado ambiental para realizar intervencións de restauración de hábitats e ecosistemas en áreas destinadas a conservación e protección do medio. O obxectivo destas actividades non se reduce unicamente á realización deste tipo de traballos, senón que incorporan tamén unha finalidade lúdica e de educación ambiental, á vez que serven para divulgar os principios e criterios baixo os que xestionamos o monte veciñal. Non te perdas as próximas convocatorias nas nosas redes sociais ou ponte en contacto por mensaxe para incluirte no grupo de voluntarios ó número 653904642.

Educación
En paralelo á xestión forestal, a educación ambiental foi ocupando un lugar cada vez máis destacado como forma de proxección social da Comunidade de Montes de Coruxo, dirixida á comunidade educativa en particular e ao público en xeral, ofrecendo programas de educación ambiental ideados para concienciar as persoas da necesidade de coidar o noso entorno e pór en valor os nosos bosques.
As actividades poden adaptarse a grupos de diferentes idades, dende nenos/as ata persoas adultas, aínda que maioritariamente están orientadas a escolas e institutos, amoldando neste caso as xornadas aos contidos da programación escolar. Envíanos un correo a cdmvdc@hotmail.com se queres que che fagamos unha proposta formativa para a túa asociación ou escola.
.

Xornadas ambientais
Consideramos que a preservación do medio ambiente debe ser un dos obxectivos principais dunha comunidade de montes, pero que ademais non está desligado do que acontece noutros ámbitos sociais, como a economía ou os hábitos de consumo. Por iso, organizamos xornadas ambientais invitando a persoas especialistas en distintos campos para que veñan partillar connosco as súas experiencias e visións da realidade, e reflexionar conxuntamente sobre a necesidade de cambiar as regras do andar social, ecolóxico e económico actual, se queremos preservar a natureza e polo tanto a vida. Bota un ollo ás nosas redes para enterarte das próximas xornadas ou escríbenos se tes algunha suxerencia sobre algún poñente ou tema a tratar.
Proxectos
Xestión experimental da acacia negra no Viveiro
Na zona coñecida como O Viveiro, superficie de monte veciñal de aproximadamente dúas hectáreas de extensión que se asenta na parte baixa do monte, estamos levando adiante un modelo de xestión experimental da acacia negra. Únense neste espazo a valgada a través da cal discorre o rio do Pontón (froito da unión das dúas principais regueiras do noso monte, a regueira das Chans e a de Leixiade) con outro pequeno afluente que nace no interior da propia área, desembocando no curso principal tras un curto percorrido.
A área estaba ocupada anteriormente por eucaliptos, que foron cortados pouco antes do incendio de 2017. Tras o día 15 de outubro daquel ano, esta parcela converteuse nunha das áreas prioritarias de actuación para a comunidade, primeiramente mediante a aplicación de acolchado con palla e outras técnicas de estabilización do solo, co obxectivo de reducir a erosión, e despois eliminando os rebrotes de eucalipto, así como os numerosos exemplares novos que naceron como consecuencia do carácter pirófito e invasor desta especie.
A invasión máis masiva e difícil de xestionar, veu sen embargo da man doutra árbore australiana: a acacia negra (Acacia melanoxylon). Este parente da mimosa (e como ela, altamente invasora) tamén estivo presente anteriormente nesta zona. Se ben antes do incendio encontrábase controlada, o lume activou as numerosísimas sementes -moi persistentes- que permanecían soterradas no chan, orixinando unha brotación masiva das mesmas.
O grande desafío que estamos a enfrontar nesta superficie experimental consiste precisamente no manexo e control desta especie, que pese ao seu carácter invasor e de feroz competidora da flora nativa, está a cumprir nestes momentos, paradoxalmente, unha función moi positiva no control da erosión e na rexeneración do solo tras o incendio. Por este motivo a Comunidade de Montes de Coruxo desbroza periodicamente esta masa, reducindo a súa densidade, complementando este labor o voluntariado ambiental organizado desde a mesma comunidade, que intervén tamén no control da acacia negra actuando selectivamente sobre unha parte das árbores, que son secadas de maneira manual mediante a técnica do descascado.
Por outro lado, estamos a realizar simultaneamente a implantación dun bosque autóctono cunha alta diversidade de especies no interior da propia masa de acacias, utilizando a especie invasora (en densidades controladas) como “árbore nodriza”. Aproveitamos así o seu efecto protector sobre as pequenas árbores autóctonas, que medran deste modo nun microclima máis benigno e semellante ás condicións naturais dun ecosistema forestal, protexidas dunha excesiva insolación, do frío e do vento, beneficiándose ademais dun abondoso aporte de nitróxeno e doutros nutrientes, así como de materia orgánica.
A existencia de varios cursos de auga no interior desta área permitiunos aumentar considerabelmente a variedade de árbores e arbustos autóctonos plantados, incorporando diversas especies de ribeira.
Cortalumes verdes e protección dos cursos de auga
A dotación de infraestruturas verdes contra incendios mediante a plantación de frondosas autóctonas é algo que a Comunidade de Montes de Coruxo comezou a facer xa dende os primeiros anos da súa existencia.
Os dous primeiros grandes proxectos, emprendidos nos anos 90 do pasado século, foron a repoboación con frondosas autóctonas da regueira das Chans e o corredor de frondosas ao longo da pista forestal que une Fragoselo co Parque Forestal de Oia. Aínda que pouco puideron facer contra a virulencia do lume que aconteceu en outubro de 2017 e as condicións meteorolóxicas extremas daquel ano, parte dun dos flancos do incendio púidose controlar grazas a estes cortalumes naturais, feito excepcional nun incendio forestal que resultaba incontrolábel en todo o seu perímetro. Ademais, a intensidade do mesmo no interior das zonas de frondosas foi moito menor, grazas ao cal a recuperación do monte nestas áreas está a ser moito mais rápida.
Por iso, aproveitando a grande transformación que supuxo este lume, aceleramos o proceso de restauración do bosque autóctono plantando frondosas naqueles cursos de auga que todavía carecían delas, así como trazando liñas de interconexión unindo as superficies de frondosas existentes, tecendo desta maneira toda unha rede de faixas que cumpren unha tripla función: cortalumes, fomento da biodiversidade e regulación do ciclo da auga, aumentando a retención da auga das precipitacións no solo.
Recuperación de antigas presas de regadío para anfibios
Ademais de coidar os nosos cursos de auga, repoboando as súas marxes con frondosas autóctonas, e de velar pola conservación dos pequenos humidais naturais que existen no monte de Coruxo, como é o caso do “Pozo da Lagoa”, situado na marxe suroccidental das Chans, tamén estamos a recuperar antigas presas de regadío cunha dobre función: conservalas útiles, para eventualmente volver usalas co mesmo fin co que foron construídas, así como acondicionalas como lugares de reprodución para anfibios (grupo animal especialmente ameazado) e hábitat en xeral da fauna acuática.
Estas presas de regadío caeron en desuso debido ao progresivo abandono da actividade agrícola na parroquia. Co paso do tempo, fóronse cubrindo con terra arrastrada polas escorrentías e vexetación. O labor que se está a realizar consiste en retirar a vexetación e dragar estas pozas, para deste modo recuperar a capacidade de almacenamento de auga que tiñan anteriormente, proporcionando así novos hábitats onde se están a instalar ricas colonias de anfibios, á vez que constitúen unha reserva de auga que aporta humidade nos meses máis secos do verán.
Bosque comestible
É unha técnica de agroforestería sucesional onde recreamos as condicións idóneas para que árbores autóctonas, froiteiras, arbustos, hortalizas e plantas silvestres comestibles e medicinais poidan coexistir en comunidade e xerar abundancia de alimentos e remedios, con soamente a axuda humana nos primeiros anos de implantación. Trátase de crear un espazo onde a veciñanza poida ter un punto de encontro e ó mesmo tempo nutrirse dos alimentos obtidos, ideando como poden emular este sistema nas súas propiedades particulares, aumentando así a súa soberanía alimentaria.