Uso social
O monte veciñal de Coruxo é un monte periurbano que forma parte do arco forestal que rodea a cidade de Vigo, motivo polo que presenta un marcado uso social, que debe ser compatible coa suas funcións produtora e de protección do medio ambiente.
Son moi numerosos os visitantes que recibimos, especialmente nas fins de semana de primavera e outono, accedendo ao noso monte para a práctica de diversos deportes ou simplemente para pasear. O monte de Coruxo exerce neste sentido un beneficio incalculable na saúde dunha poboación que habita un entorno de marcado carácter urbano, nun concello que padece ademais dunha carencia crónica de espazos verdes.
A súa proximidade á cidade facilita o contacto de numerosas persoas coa natureza, nun entorno natural que ano tras ano ve incrementarse o seu valor paisaxístico e natural.
As áreas de uso predominantemente social concéntranse no torreiro de San Sebastián, que se ben é propiedade da comunidade de montes, encóntrase cedido á Asociación de Festas de San Sebastián. Conta con instalacións deportivas, entre outras, cumprindo a función propiamente dun parque público. O actual Parque Forestal de Coruxo está situado, pola súa banda, na parte alta do monte, estando conveniado co Concello de Vigo, responsable da súa xestión. Esta ubicación non é sen embargo definitiva, pois existe un proxecto de novo parque forestal (en substitución do anterior) que se ubicaría a carón do citado torreiro de San Sebastián, unificando deste modo as dotacións de uso social existentes no monte veciñal de Coruxo, nun espazo de doado acceso que conta ademais cos servizos necesarios.
En canto á práctica de sendeirismo, unha das principais actividades que realizan as persoas que visitan o noso monte, existen diversos sendeiros como son o GR-53 “Panorámico de Vigo”, o PR-G9 “Igrexa de Coruxo – Capela do Alba” (este último en estado de abandono, practicamente sen marcado e pechado polo mato en treitos fóra do monte veciñal) e o Sendeiro Local de Coruxo, trazado circular que parte do Torreiro de San Sebastián e discorre enteiramente polo monte veciñal. O paseo en bicicletas de montaña é outra actividade deportiva que conta con numeros@s practicantes, podendo facer uso para este fin do sistema de pistas forestais que atravesan o monte veciñal, tendo sempre en conta que deben ser compartidas cos demais usuarios do mesmo. Fóra destas pistas a circulación en vehículos de mountain-bike queda limitada ás vías e circuitos expresamente autorizados.
Ao noso ver, é interesante que as persoas veñan desfrutar do entorno, pero non aceitamos certos tipos de deportes que consideramos incompatibles, sexa coa preservación do medio ambiente, sexa co respecto a outros usuarios do monte que poderían verse afectados, polo que deportes como o motocrós non son benvidos, existindo unha regulamentación expresa sobre a circulación de vehículos a motor no noso monte.